Esperante, trasunto mítico dun mundo rural en inevitable decadencia, é o espazo ficcional onde Xesús Manuel Marcos desenvolve os nove relatos que compoñen este libro. Esperante é unha derradeira boquexada da soidade: Esperante de aliados solitarios dando o derradeiro adeus a unha muller fermosa que deixaba ao seu paso recendos que todos desexaban posuír; Esperante de emigrantes consumidos polos ciúmes provocando a febre de mulleres novas, prematuramente abandonadas; Esperante de fuxidos, heroes condenados a desaparecer, esmorecendo nunha insoportable escuridade; Esperante de homes e mulleres que fican orfos de esperanza ningunha sufrindo a fractura do monótono devalar da súa cotidianidade aldeana perante un mundo novo que saben emerxe nalgures. [Presentación editorial]