Memoria dos amigos. Agustín Sixto Seco 1926-2004 Escritor/a:
Varios autores
Ed. Galaxia,
2005 | Biográficos
Puntuación: 1.7/5 (71 votos)
Nas páxinas que seguen o lector ten a crónica dunha vida, ordenada por capítulos temáticos e enmarcada no testemuño de familiares e amigos, moitos dos cales acompañaron a Agustín Sixto Seco, o noso presidente, en momentos decisivos da súa vida privada, vocacional e profesional. Alvaro Sixto, o seu neto,recrea algúns momentos claves da súa biografía, aquel neno da aldea de San Vicente de Meá, no concello de Mugardos, onde nace en 1926 e descobre con apenas dez anos as experiencias terribles da guerra civil, e logo o mozo que vai estudar Medicina a Santiago de Compostela.
Francisco Fernández del Riego, o seu amigo e confidente de tantas horas, narra a súa incorporación e compromiso co galeguismo, que descobre nas tertulias do café Español, na palabra acesa e afervoada de don Ramón Otero Pedrayo e nas conversas con Ramón Piñeiro.
Pedro Guillén, discípulo seu e unha das figuras sobranceiras da Traumatoloxía española, evoca a súa condición de profesional da medicina, actividade (e vocación) que Sixto Seco concibía dende as máis profundas conviccións hipocráticas: o trato directo e solidario cos enfermos, na mellor tradición dos médicos humanistas. Cada enfermo é un mundo e, como tal, merece o trato diferenciado, atento e específico que a súa condición comporta.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, fálanos dos dous grandes espazos da emoción galeguista: Rosalía de Castro e Ramón Otero Pedrayo. Sixto Seco asume a presidencia da Fundación Rosalía de Castro no ano 1970. Pouco despois, logo da morte de don Ramón, o Consello da Administración da Editorial Galaxia e o Padroado da Fundación Penzol, herdeiras do patrimonio do señor de Trasalba, pon nas súas mans a xestión do mesmo, o que significa que en 1979 asuma tamén a presidencia da Fundación Otero Pedrayo. A unha e a outro, a Rosalía e a don Ramón, dedicou Agustín Sixto Seco os maiores esforzos da súa vida e da súa capacidade de xestión.
Para rematar, Juan Manuel Pérez, vello amigo de alén mar, presidente que foi do Centro Galego de Buenos Aires, fala da relación de Agustín coa Galicia emigrante: homes e mulleres que, na outra beira do Adántico, manteñen viva a memoria da Terra. Para que esa memoria non esmorecese, e a pro! das necesarias atencións que esas xentes merecen, traballou tamén Sixto Seco, dende a súa condición de secretario do Consello da Cultura Galega, no que animou entre outras iniciativas a creación do Arquivo da Emigración, ao seu compromiso e xenerosidade persoal, incluídas todo tipo de intermediacións e influencias.
[Fragmento do Limiar a cargo da Fundación Otero Pedrayo]