Puntuación: 2.0/5 (30 votos)
Coa edición deste libro, o Concello de Lugo conmemora o 1100 aniversario do pasamento de San Froilán, ocorrido o 5 de outubro do ano 905.
O Dr. González Lopo, profesor de Historia Moderna da Universidade de Santiago, está recoñecido como máxima autoridade no estudo da relixiosidade e dos cultos de santos en Galicia.
Sobre San Froilán existe unha bibliografía bastante abundante, pero este libro ofrece unha visión nova da súa vida.O profesor González Lopo somete nel a unha crítica minuciosa toda a historiografía anterior, e estuda novamente as fontes documentais da época do santo, especialmente a súa biografía, escrita polo seu discípulo Xoán o Diácono pouco despois da morte de Froilán de Lugo.
Os fondos coñecementos de González Lopo sobre haxiografía, sobre a historia da época e sobre os procesos da mentalidade relixiosa, unidos á súa agudeza, permítenlle espir a realidade dos adornos engadidos. Así, no longo capítulo titulado A VIDA TERREAL, vai xurdindo a imaxe viva dun rapaz nacido en Lugo no ano 833 que se sente chamado á vida relixiosa, que despois de serias dúbidas escolle a vía da predicación a pesar do seu gusto pola soidade dos anacoretas, que funda mosteiros e goberna comunidades de homes e mulleres por terras leonesas, e que finalmente é obrigado polo pobo e o rei Afonso III a converterse en bispo de León, cargo que desempeñou nos seus catro ou cinco derradeiros anos.
A segunda parte do libro, titulada O NACEMENTO DUN SANTO, analiza o longo proceso de conformación da imaxe de Froilán como santo. Empeza o proceso nos séculos seguintes, inicialmente nun ámbito puramente local, circunscrito ós lugares onde desenvolveu a súa actividade como fundador monacal e como bispo. Posteriormente, xa a finais do século XVI, o Padre Lobera escribe un libro sobre San Froilán que, a pesar dos seus erros, está na base da transformación de San Froilán no que o prof. González Lopo chama "santo barroco", que é a imaxe que temos actualmente de San Froilán. Sobre a consolidación do seu culto en Lugo temos un importante subcapítulo que aclara magnificamente o proceso, espíndoo de mitos e vaguidades.
O libro de Domingo González Lopo está cheo de erudición e intelixencia; é un libro de historiador serio e rigoroso. Pero ademais diso, está moi ben escrito, e lese coma unha novela.
[Presentación editorial]