Puntuación: 1.7/5 (38 votos)
Coa a novela "Unha cita co aire" , Editorial Galaxia incorpora ao seu catálogo a Francisco X. Fernández Naval, que comezou a súa andaina narrativa pouco despois da caída da ditadura franquista e que constrúe a súa obra cun diálogo permanente entre historia e vida. A busca da identidade a través do tempo, a necesidade de coñecer o pasado, e a amizade como camiño para lograr aceptarse a un mesmo fan desta novela unha das experiencias narrativas máis intensas dos últimos anos. Fernández Naval logra destilar nela todo o seu saber narrativo para guiar a lectores e lectoras nunha viaxe polas rutas da vida.
A amizade entre un xornalista e un fotógrafo, entre Gabriel e Abelardo, volve facerse presente para o primeiro cando, á morte de Abelardo, recibe unha encomenda que non pode rexeitar. Partindo dese momento sen posible retorno, Fernández Naval traza un mapa narrativo no que o protagonista da novela percorre as rutas da existencia, reconstrúe esa amizade para chegar a entenderse e entender aos demais. Viaxe intensa pola historia persoal, polas emocións e os sentimentos, "Unha cita co aire" é unha novela que non deixa indiferente. Un traballo narrativo feito coa materia do tempo, un auténtico desafío para un dos narradores galegos de maior solvencia. Fernández Naval logra contar a gran aventura do ser humano: a viaxe pola vida, as ilusións rotas, tamén as esperanzas, e o seu balance final.
[Presentación editorial]