Puntuación: 2.4/5 (73 votos)
Baldo Ramos vén desenvolvendo, tanto en galego coma en castelán, un traballo poético de moi singulares trazos. É, a súa, unha obra escrita de vagariño, allea a modas ou a urxencias enganosas -tan propias do momento-, que só tenta dar manifestación ricaz ós pulos máis radicalmente autentificadores do eu, aqueles que acertan a ditar un dicir rntimo e revelador do suxeito.
Todo o conxunto dese traballo seu -e así este poemario que o lector ten agora nas mans- responde de xeito moi unitario e coherente ó que, para entendérmonos, chamariamos unha poética do esencial, ben pouco transitada, por certo, nos eidos da nosa lírica, agás algunhas mostras -na modernidade- de Blanco Torres, de Acuña, do Cunqueiro de Mar ao norde, e logo en voces illadas das promocións recentes, interesadas en certas formas de neovangardismo.
Un orixinal esencialismo, pois, caracterizado por unha palabra poética condensada, espida, lurda de todo afago ornamental, á lúcida procura -«a ollada traspasa a retina das cousas/ata confundirse coa raíz do espello»- da outra realidade que nos revela a verdadeira faciana, misteriosa, «escura e transparente» á vez, do ser e das cousas. Palabra que -diriamos- responde a unha modalidade de conquista, de enfrontamento co Tempo e mesmo coa propia intrahistoria persoal para transcender o continxente e o fugaz, o que é perda permanente ou desfeita -«a chantaxe do tempo feita corpo»-, cara a un universo de irisacións de sentido último, de orde, acougo e harmonra. Velar os signos da loita -tensión de contrarios- que mantén o noso poeta, e nos que atopa razón de ser a súa voz e mailo seu mundo representado.
[Fragmento do Limiar, de Arcadio López-Casanova]