Puntuación: 1.8/5 (39 votos)
Logo da boa acollida de "Outro idioma é posible", libro co que obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2004, Teresa Moure propón ás lectoras e lectores un novo título, "A palabra das fillas de Eva". Trátase dun texto radical no que se pretende desenmascar as forzas sociais que, coma a escola e os seus modelos de corrección ortográfica, nos condicionan. Un contra-ensaio que demanda atención para os movementos de pensamento libertario, coma o feminismo, tantas veces reducidos a tópicos.
Teresa Moure xoga a desafiar o xénero esquecendo as fórmulas do discurso académico para construír un relato poliédrico no que, mentres expón as súas ideas, vai intercalando contos. Con este recurso pode contar como transcorre un parto, ou rememorar en feminino o primeiro día da Creación. "A palabra das flllas de Eva" pretende ser un texto radical, é dicir, un conxunto de argumentos críticos sobre o adestramento que a linguaxe exerce nas nosas mentes, onde se desenmascaran as forzas sociais que nos modelan.
Aínda que o texto poida cualificarse de feminista, non aboca ao dualismo masculino/feminino visto coma un campo de batalla de malos e boas; o ensaio suxire que liberar a palabra contribuirá a liberar, non só as mulleres, senón a todos os seres humanos de calquera perfil sexual. Porque, por moito que os aires conservadores, cando sopran, insistan en que xa non hai diferenzas, todos sabemos que nunha festa, nun enterro, cando o interlocutor é un bebé, facendo bromas, na perruquería ou na cama, homes e mulleres construímos discursos distintos. Por iso, Teresa Moure propón neste libro renovar a linguaxe, para actuarmos sobre as vellas estruturas e construírmos un mundo novo.
[Presentación editorial]