A colección Illa Nova de Editorial Galaxia publica o primeiro libro de narrativa escrito polo crítico literario Xosé M. Eyré. "Constelación de Ío" quere ser unha porta de entrada ao mundo do pensamento fantástico dos rapaces, unha aventura narrativa que introduce os lectores e lectoras nos xogos e preguntas dun neno que descobre o mundo e se sorprende por primeira vez ante el. Literatura coa que gozar, coa que nos interrogar e pensar. Un libro que é coma un brinquedo.
Na fronteira entre xéneros, sitúase esta primeira achega narrativa de Xosé M. Eyré na que o autor explora as reaccións dun neno ante a realidade do mundo. Unha viaxe entre a imaxinación e a razón, entre creación e pensamento. "Constelación de Ío" é un deses libros inclasificables porque non encaixan en ningún molde preestablecido nin deixan acougar o lector. Literatura para gozar e coa que preguntarse, para intervir no texto e manterse activo e activa.
Quen queira ler "Constelación de Ío" haberá de retroceder no tempo deica os anos da súa primeira infancia, para acompañar a Xosé M. Eyré nun libro que nace da idea de que nada do que se le ten valor ou utilidade se no instante da lectura non o facemos noso. A lectura como experiencia que se ha acumular á experiencia vital de cada un ou de cada unha. Mergullarse nesta constelación é cuestionar que as cousas sexan como se supón que deben ser, como a lóxica manda. Unha narración que pon o mundo patas arriba. [Presentación editorial]