Traballo de investigación do concello de Meis, municipio situado nunha das zonas interiores do Val do Salnés, un variado conxunto territorial e demográfico. O autor fai un percorrido pola súa historia e unha descrición de cada unha das parroquias que o conforman.
Faise unha especial referencia ó camiño portugués por Meis. A situación estratéxica do concello dentro do val e mesmo entre as rías de Pontevedra e Arousa explica que o camiño xacobeo que o atravesa dispoña de dous itinerarios que conflúen no lugar de Vilanoviña. Así mesmo, co fin de dar unhas pautas que amosen a realidade do camiño, recóllense algúns documentos, de diferentes épocas, pero que teñen en común describir algún dos seus tramos.
Por último, lévase a cabo unha descrición das igrexas e pazos que se atopan no concello. A arte románica queda reflectida nas distintas parroquias que conforman o municipio, cada unha delas cun templo que nos dá unha idea da importancia que tiveron as terras onde hoxe se asenta o concello de Meis. [Presentación editorial]