Puntuación: 2.0/5 (53 votos)
Rato Tom foi visitar a súa amiga Tomasa. Alegría na celebración! Veña viño e veña touciño… E Rato Tom caeu redondo do bidón. Ai, que desgraza!, berrou Tomasa. Vestiuse de loito e pechou a casa; e contoulle a súa pena á cociñeira; e a cociñeira á ola; e a ola á fonte… Ata o ceo entristeceu coa nova, mais ao final algo insólito aconteceu… e todos recuperaron a alegría. Un conto adaptado a partir da tradición brasileira, que provocará máis dunha gargallada.
Cunha narración áxil, xogando coa rima e a estrutura acumulativa, Marisa Núñez nos ofrece unha orixinal versión, con humor e agudeza. Inspirada nun fatal acontecemento do conto tradicional do Brasil, "Dona Baratinha" (Dom Ratão ia se casar com dona Baratinha, e morreu cozido no feijão…), a autora toma prestada unha pequena parte da trama e desvía os acontecementos cara a un desenlace ben diferente. Entre xestos que manifestan rituais funerarios ancestrais, comúns a distintas culturas (romper olas, vestirse de loito), a natureza toma forma sensible: a fonte cala, a árbore tira o seu manto, os paxariños íspense... unha serie de acontecementos encadeados que nos levan máis alá do mundo da palabra para revelar o misterio dos afectos. Finalmente o ceo chora, derrama a enerxía vital sobre a terra e, como por arte de maxia, o que se adiviñaba como traxedia, acabará facendo florecer un sorriso en cada lector.
[Presentación editorial]