“Foulas e Ronseis. Retrincos para un tratado do mar dos galegos” é unha recompilación dunha chea de artigos e algúns ensaios de temática marítima, escritos entre 1992 e 2005 como resultado dos vencellos estabelecidos nese período de tempo con pescadores e outras xentes de mar. Son, pois, froito máis dunha paixón que da perspectiva académica, sen deixar de lado as arelas de veracidade e compromiso que de sempre procurei ter. Este "totum revolutum", ten unha certa orde interna, distribuída en tres grandes temáticas, a saber: a historia colectiva, "os traballos e os días" (alguén podería, quizais, falar de algo semellante á antropoloxía) e o patrimonio marítimo. (...) Deste xeito, e seguindo unha malla de fíos condutores que atesoura os seus encontros e desencontros, quen apeteza poderá navegar seguindo os pasos do poeta Manoel Antonio nos derradeiros veleiros de altura, coñecer as loitas societarias no mar, atender o devalar da carpintería de ribeira, axexar o complexo universo do reparto nas embarcacións pesqueiras, decatarse da dureza da condición mariñeira ou participar dos soños de quen hoxe procura divulgar e revitalizar a cultura marítima. [Fragmento do limiar]