Puntuación: 1.8/5 (31 votos)
"¿Quen se atreve a esnaquizar a miña casa e espertarme do meu sono?”, berrou o xigante cheo de rabia polo burato da árbore, despois de recibir un golpe da machada que lle caera ao leñador. En pago polo seu descoido, tivo que levarlle a maior das súas fillas… Un conto arrepiante, tomado da tradición popular castelá, que leva ao lector a un mundo misterioso e desconcertante.
O malvado xigante seduce as fillas do leñador ofrecéndolles a súa fortuna, para despois enganalas e arrastralas a un terrible final. Pero a astucia da máis pequena conseguirá devolverlles a vida. Neste caso, a morte afróntase coma unha viaxe iniciática; unha experiencia que leva as cativas a renacer máis sabias e a trunfar sobre o mal. A pesar da aparente crueldade da historia, os lectores entenderán de maneira intuitiva o seu carácter simbólico.
Preséntasenos un complicado labirinto de cuartos e corredores subterráneos, que fascina tanto pola palabra como pola imaxe. As ilustracións funcionan cun ritmo perfecto e confiren unha singular forza ao escenario misterioso. Itziar Ezquieta, unha das máis prometedoras artistas galegas, traslada a nivel plástico un mundo desacougante de espazos enigmáticos, que levan ao lector cara un universo descoñecido, atraente e perigoso a un tempo.
O tema do cuarto prohibido aparece en boa parte da tradición europea con distintos esquemas narrativos, pero a adaptación de Itziar Ezquieta ten máis que ver coas antigas variantes de Castela. Esta versión coincide nalgúns aspectos co "Barbazul" de Perrault ou con "Il nasso d’argento", recollida por Italo Calvino.
[Presentación editorial]