O xurado que no 2004 galardoou esta novela co IV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia destacou a "trepidante dinámica da acción, o bo engarce entre os capítulos, a dosificación da información e a correcta estrutura narrativa" do relato. A novela narra a historia de dúas xornalistas da Televisión de Galicia, Esther e Xema, que viaxan a Trasomundo da Cancela -unha imaxinaria vila da Raia- para preparar unha reportaxe sobre o culto á morte en Galicia. Alí atoparanse co misterio dun home desaparecido, acontecemento que lle inxectará unha considerable dose de suspense ao relato. A dosificación da intriga, a través dunha estrutura na que o autor aproveita varios recursos cinematográficos, especialmente o uso do tempo narrativo para crear expectación no lector, e a contraposición entre os mundos rural e urbano da Galicia actual, poboados por unha ampla galería de insólitos personaxes, son os dous elementos máis salientables da novela, na que tamén se introducen puntualmente toques de humor que rozan o esperpento. [Presentación editorial]