Puntuación: 2.0/5 (80 votos)
Finalista do Premio Manuel Lueiro Rey 2004, "Sinfonía cíclica" é unha narración complexa, que se ambienta no mundo da música e dos intérpretes, rara vez visitado pola literatura galega. Daquela, atopámonos cun achegamento interesante e documentado ao microcosmos musical, realizado cunha singular mestría, rica en matices e que se recrea nos pequenos detalles.
No relato, que ten como protagonista unha muller que chega a unha cidade para incorporarse como concertino a unha afamada orquestra, abórdase a complexidade das relacións humanas, onde o sexo ocupa un lugar preferente en case todas as súas manifestacións (a promiscuidade, os tríos, as relacións lésbicas entre mulleres…) e recréase o tema do pasado que volve, da historia que se repite; de aí o título da obra con esa alusión ao ‘cíclico’ e de aí a presenza das relacións sexuais como motivo recorrente.
A abundante presenza do sexo permítenos case adscribila ao subxénero erótico.
O xurado do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta destacou como principais virtudes un estilo depurado e un argumento compacto, sen fisuras, así como a organización do relato mediante unha estrutura definida, reveladores dun autor xa maduro e de longo alento.
[Presentación editorial]