Del dixo Cabanillas o que de Rosalía dixo Curros: que levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar; que tiña na fronte a estrela dos que camiñan namorados de ideais e que alumea os eidos da liberdade; e que tiña no bico a cantiga dos escravos que saloucan por voar, o canto armonioso e forte das Irmandades. Tamén dixo Cabanillas del que era unha alma chea de luz e de xustiza, carne do corazón, fala do apóstol. Outor poetas, como Gómez Abente ou Victoriano Taibo, desfixéronse en pranto de versos por aquel líder morto en plena xuventude, como morreran Antolín Faraldo ou Alfredo Brañas, ou como morrerá poucos anos depois Xoán Vicente Viqueira. O mesmo Cabanillas non puido menos que se lembrar da vella fada cando se consolou dicindo que "os amados dos deuses morren mozos". Remataba así a acción, o liderado nacente, para iniciarse a rota do mito, un mito que se mantivo entre aqueles seareiros dos seus ideais, pero que todos, por inimigos que foran non deixaban de apreciar como algo distinto no panorama político de Galicia. [Contracapa do libro]