Puntuación: 2.1/5 (41 votos)
Un libro para todos aqueles que desexen coñecer o Quixote dende dentro, e coñecer as relacións de Cervantes con algunhas das súas personaxes.
Ilustrado polo pintor galego Xaime Quessada, o libro súmase así aos actos do IV centenario da publicación da inmortal novela de Cervantes.
Trátase da reedición dun ensaio xuvenil que o escritor Antonio Tello publicou con grande éxito hai algúns anos, pero revisado e ilustrado agora polo artista Xaime Quessada, nun intento, dito en palabras do propio autor, de “contar algunhas cousas da azarosa vida de Cervantes e da súa época e das circunstancias que rodearon a creación do Quixote”.
Así chegaremos a coñecer as persoas ocultas tras algunhas das personaxes da novela, a miúdo adversarias de Cervantes, cuxa azarosa vida o poboou de non poucas delas. O capítulo II, por exemplo, leva como título (longo, a modo do título do mesmo Quixote): “Da sorprendente identidade de Mestre Pedro, o titereteiro, que resultou ser un bandido que escribira a súa biografía ao igual que certo soldado que Cervantes coñeceu en Italia”.
En definitiva, o Quixote é máis que unha novela de aventuras; está chea de autorreferencias e de irónicos retratos de individuos que tiveron que ver co propio autor, que aproveitou a ilimitada fantasía da súa nobre personaxe para poñer a cada un no sitio que lle correspondía. E un pouco diso e doutras moitas cousas fala este fermoso libro.
[Presentación editorial]