Puntuación: 2.2/5 (55 votos)
A colección Dombate, que Editorial Galaxia dedica á poesía, publica "É", un libro de Manuel Outeiriño no que a linguaxe aproveita todo o seu potencial sonoro e a poesía se contaxia do xogo para intensificar a súa capacidade de chegar ao lector ou lectora. Coa publicación deste poemario de Outeiriño, Galaxia continúa a súa liña editorial de poñer nas librerías, ao carón de novas edicións de títulos senlleiros esgotados ou pouco accesibles, o traballo actual dos poetas que deron a coñecer a súa obra durante os anos oitenta e noventa.
Coma unha festa a deshoras, o libro de Outeiriño sorprende e fai abrollar, con humor e con toda a expresividade musical da linguaxe, a emoción do recoñecemento e asemade o espanto do encontro inesperado.
Segundo Manuel Outeiriño, en "É" búscase certa dicción entremedias Ungaretti e os Irmáns Tonetti. Pola súa banda, a poeta María do Cebreiro Rábade Villar afirma que .Manuel Outeiriño é un poeta músico porque, como nunha emulatio do trompetista (tomando a palabra latina no seu dobre sentido reverencial e agónico), é consciente de que o seu traballo consiste en moldear as cualidades e as barreiras do son.
[Presentación editorial]