Puntuación: 2.0/5 (95 votos)
(Gañadora do Premio Manuel Lueiro Rey 2004)
En A xeira das árbores atopámonos cunha narradora-protagonista, solteira e nai de tres fillos, cada un dun pai diferente, que levanta acta, con grandes doses de humor e sen dramatismos, das dificultades que supoñen para unha muller nas súas circunstancias, sen apenas axudas de fóra, levar unha vida profesional e criar os seus fillos. Trátase dunha nai entregada, que non lles escatima un minuto de tempo aos seus fillos, pero que tamén ten que traballar duro para sacar a súa familia adiante, o cal a obriga a prolongar a súa xornada de traballo ata altas horas da madrugada. Pero é unha muller feliz e contenta coa vida que leva.
Como curiosidade, traballa como tradutora para unha editorial, ocupación que realiza no momento actual desde a casa, polo que se entrecruzan no relato as consideracións de tipo lingüístico que lle suxire a tradución na que está traballando.
Ao longo das distintas partes nas que se estrutura a novela, entrecrúzase a historia da súa familia (marcada por unha problemática relación cun pai maltratador), a súa infancia, e tamén as relacións que mantivo cos homes que acabarían sendo os distintos pais dos seus fillos.
En certo sentido, pódese dicir que se trata dunha novela cun importante compoñente reivindicativo dos dereitos das mulleres a levar a vida que elas queiran, á marxe dos prexuízos sociais e das valoracións, censuras e presións do mundo exterior.
O xurado do Premio Manuel Lueiro Rey destacou a orixinalidade da novela e a frescura do seu estilo.
[Presentación editorial]