Unha das novidades literarias máis agardadas do ano, "Non sei cando nos veremos" é a nova novela de Anxo A. Rei Ballesteros. Autor de "Dos anxos e dos mortos" (1977) e "Loaira" (1992), hoxe consideradas fitos da narrativa galega contemporánea, a obra deste escritor senlleiro e ao tempo fundamental preséntase agora baixo a forma dun relato novelesco no que a lingua oral e a narración directa, precisa e de trazado firme, se combinan coa crítica contundente da moral e as formas de vida da sociedade de hoxe.
O protagonista da novela é quen conta a súa propia historia, unha vida na que plenitude e desengano, fracás6 e ilusión aparecen mesturados inextricablemente. Desde o cárcere, e cun ton directo que non quere disimular nin agachar nada, o narrador confésalle á súa filla unha realidade persoal que, comezando polos anos de estudante nun colexio de relixiosos e despois como universitario en Compostela, chega aos lindes da experiencia humana ao participar na brutal represión exercida pola Triple A na Arxentina da ditadura militar. A vida e a morte como expresión dunha mesma experiencia, como dúas facianas dunha mesma realidade na que a vivencia espida e sen límites dos praceres da carne vai parella á da extinción e a tortura.
Rei Ballesteros fai convivir o asombro coa ironía, a orde coa desorde, o tempo como creador e co tempo como destrutor, así logra transmitir ao lector ou lectora a intensidade toda dunha exis- tencia convulsa. "Non sei cando nos veremos" é unha novela que seduce e fai vibrar, está narrada cunha habelencia literaria que non abafa a lectura e aliméntase dun pensamento inquisitivo e irreverente que se expresa a través do relató sen chegar a substituílo. Equilibrio na forma narrativa e intensidade no mundo que se expresa a través dela son as características que sinalan esta novela como a obra dun grande escritor. [Presentación editorial]