Puntuación: 1.8/5 (43 votos)
A síndrome N.N.A. vén ser a de “Non hai Ningunha Alternativa”, a que nace da imposición nos últimos anos do que se deu en chamar pensamento único, global; esa concepción do mundo, da vida, da política e da economía que nos quere convencer de que hoxe xa nos hai máis ideoloxía viable que a ideoloxía neoliberal e o sistema económico do mercado total. Como o letreiro que o Dante puxo na porta do inferno, cómpre "abandonar toda esperanza" en calquera utopía de cambio transformador, pois está de antemán condenada ao fracaso. Este libro nega radicalmente este fatalismo anco-rado no medo e no desencanto paralizante propoñendo como antídoto a esperanza que nace dunha confianza radical en que a auténtica globalización é a da fraternidade e o amor solidario. Para o autor, o crego Victorino Pérez Prieto, só hai alternativa para un mundo insolidario e egoísta coma o que vivimos estando a carón da xente, acollendo a súa sabedoría, reelaborándoa persoalmente e sendo capaz de apuntar cara o futuro, con idealismo ou pesimismo, mais con esperanza.
O libro, froito de quince anos de escrita, recolle textos reelaborados a partir dos publicados inicialmente en Diario de Ferrol, A Nosa Terra, Encrucillada, Irimia, El Progreso, Terra e Tempo e Tempos Novos. Organizados en seis capítulos. I. A carón da xente; II. Persoeiros e amigos, III. Un mundo entre a vida e a morte; IV. Xesús de Nazaret e a relixión; V. A Igrexa e as igrexas e VI. Curas e bispos. Un libro, pois, no que o autor aposta con valentía pola utopía e a esperanza do Reino de Deus que anunciou Xesús de Nazaret, presente noutros proxectos de liberación non relixiosos, mais para el non menos crentes.
[Presentación editorial]