En 1992 o corazón dos balcáns estoupa de forma estrondosa. Case imperceptiblemente, o horror da guerra, da limpeza étnica e das violacións a centos de milleiros de mulleres ábrese paso entre a poboación iugoslava, estremecendo a toda Europa. Slavenka Drakulic, nacida en Rijeka en 1942, escritora e xornalista residente en Zagreb (Croacia), relátanos en "Coma se non existise" como era o inferno daqueles días. Cunha extraordinaria dureza, a autora preséntanos a vida e a estadía dun grupo de mulleres nun campo de concentración durante a guerra de Bosnia e as despiadadas atrocidades e violacións ás que foron sometidas como derradeira fase da limpeza étnica. Coma se non existise é unha novela tan dura como reveladora e, precisamente por iso, terriblemente humana.
Con "Coma se non existise" de Slavenka Drakulic e Marido e outros contos de Lidia Jorge a colección Xerais As Literatas, dirixida pola escritora María Xosé Queizán inicia unha nova etapa, cun novo deseño, coa intención de ofrecer na nosa lingua os mellores textos da literatura contemporánea escritos por mulleres. [Presentación editorial]