Puntuación: 2.9/5 (20 votos)
Nunha nova edición ampliada e revisada polo autor, Editorial Galaxia publica "As troitas, miñas señoras", de Juan José Moralejo Álvarez. No libro, diversión e sabedoría mestúranse para propor un tipo de lectura diferente, no que o humor xorde da experiencia do autor como pescador nos ríos galegos. Un libro singular para esta primavera, presentado por un limiar de Carlos Casares e cun epílogo de Álvaro Cunqueiro.
A sabedoría que deitan as páxinas de "As troitas, miñas señoras", segundo as palabras de Carlos Casares, ten que ver coa vida miúda de todos os días, con "ese saber antigo, vello de moitos séculos, que se resiste a desaparecer e que reclama, con dereito e con razón, un lugar no mundo». Juan José Moralejo Álvarez adobía o seu coñecemento e experiencia nos ríos galegos cunha paixón de pescador vocacional que xamais perde de vista o lado humorístico das situacións.
As aventuras e desventuras do autor nárranse, e "péscanse", directamente desde beira satírica do río da vida. Nada escapa á ollada mordaz de Moralejo, nin a propia figura do autor. "As troitas, miñas señoras" nace coa intención de deixar ben clara a admiración entolecida por ríos e troitas, canas e carretes. A lembranza dunha diversión coma a pesca leva ao autor a facer partícipes aos lectores e lectoras da diversión de recordar e revivir, a través da literatura, eses momentos gozosos a carón dos ríos galegos.
[Presentación editorial]