Pasaron dez anos, periodo no que Fernando Salgado, o rigoroso, minucioso e apaixonado biógrafo de Lorenzo Varela foi rexistrando, benedictinamente, canto dato, edición, tradución, reseña, artigo, homenaxe... foi suscitando o nome e a obra do "atormentado" escritor. O resultado deste labor (e de moi demoradas cavilacións) é o presente libro, que é máis, moito máis -diga o que diga o seu autor- ca unha edición revisada e ampliada do publicado en 1995. Porque Fernando Salgado fixo algo máis ca estar atento á bibliografía e á hemerografía alleas; investigou pola súa conta, con notable éxito, territorios da biografía de Lorenzo nunca explorados ou só apuntados laconicamente na redacción de hai dez anos. [Fragmento do prólogo de Xesús Alonso Montero]