Nunavut -a nena protagonista de Sedna, a deusa do mar, a cuarta entrega da serie “As Aventuras de Nunavut” de Xoán Abeleira- pertence a un dos pobos máis lendarios da Terra, os inuit ou esquimós, pobo primitivo que aínda sobrevive en durísimas condicións e cunha peculiar cultura onde o real e o suprarreal están intimamente vencellados. Mais Nunavut tamén é hoxe unha fermosa e esperanzadora rexión autónoma para todas as comunidades árticas.
Esta cuarta entrega da serie iníciase nun verán que se amosa benigno pero no que escasea a pesca. No outono o mar comezara a xearse antes do que adoitaba o que significaba que o inverno se ía adiantar. Para sobrevivir, homes e mulleres, terían que saír a cazar baleas. Mentres tanto, os rapaces debían quedar cos anciáns e Nunavut irá a carón de Mamá Helga, a persoa que mellor coñecía as lendas da aldea. “Sedna, a deusa do mar”, será unha desas lendas fundacionais da sociedade inuit.
[Presentación editorial]