Puntuación: 1.8/5 (89 votos)
O Audiovisual galego sufriu unha importante transformación ao longo destes últimos anos. De ser unha actividade de poucos e entregados amantes da cinematografía que historicamente iniciou a súa andaina en 1897, pasou a converterse nunha actividade nomeada sector estratéxico, que comeza a coñecerse fóra das nosas fronteiras e que ten por diante a posibilidade de converterse nunha importante industria da nosa Autonomía.
Pero máis aló dos feitos económicos, a verdadeira importancia da creación audiovisual é a súa implicación no mantemento e evolución da cultura do noso país. A importancia do fenómeno audiovisual é hoxe incuestionábel. Os países desenvolvidos atópanse flotando nunha sociedade de consumo da imaxe en que o produto audiovisual ou multimedia cobra unha importancia de primeira orde na transmisión de coñecementos.
É indubidábel que o audiovisual representa no novo milenio a cultura dun pobo e, certamente, o pobo galego necesita do seu audiovisual para a construción da súa propia identidade. A globalización da información e a importancia da defensa das culturas minoritarias son feitos ante os que ternos que facer unha pausa e reflexionar. Como afirma Pierre Sorlin: "Nós, os europeos, creamos e imaxinamos o mundo a través das lentes dos obxectivos de Hollywood". A nosa cultura, aínda que minoritaria, ten que incorporarse ao tren de creación de contidos audiovisuais se queremos preservar e difundir o noso patrimonio cultural.
No Consello da Cultura Galega pretendemos achegarnos ao fenómeno da creación audiovisual dende a vertente da análise do sector cultural e económico en que se crea o patrimonio audiovisual galego; e, por outra banda, queremos coñecer e valorar as necesidades culturais do pobo galego no ámbito das artes audiovisuais.
Cómpre subliñar que o Libro Branco de Cinematografía e Artes Vtsuais parte sempre dunha reflexión persoal dos autores (Jaime Pena, Isabel Sempere, Xosé Nogueira, Miguel Anxo Fernández, Pepe Coira, Raúl Veiga e J.Mª Folgar de la Calle) sobre os fenómenos audiovisuais en e desde Galicia. Resulta importante salientar este feito, xa que durante o longo tempo que pasou dende que se propuxo a súa redacción (2001) foron aparecendo moitos e bos estudos e análises sobre o audiovisual galego, entre os que destacamos os que xurdiron do propio Consello, a
través da súa Sección de Comunicación. O que agora presenta a Comisión Técnica de Cinematografía e Artes Audiovisuais, da Sección de Artes Plásticas, é unha reflexión desde a historia do cinema en Galicia e dos seus profesionais que procura centrarse na importancia do sector audiovisual para a creación da nosa identidade e o mantemento do noso patrimonio cultural.
[Fragmento da Introdución]