Puntuación: 1.9/5 (47 votos)
Editorial Galaxia quere contribuír á celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, cun libro de ensaios escrito pola poeta María do Cebreiro Rábade Villar no que se fai un achegamento á invención histórica das mulleres como "suxeitos". "As terceíras mulleres" é un ensaio de ensaios escrito ao redor da creación artística e literaria feita por mulle- res e da nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina.
As mulleres xa non interesan só como "obxectos" da ollada masculina, a crítica e o pensamento como acción e reacción, lonxe da pasividade e da autocompracencia, forma parte do seu novo papel na sociedade. Feminino e plural, o libro de María do Cebreiro Rábade Villar traza un percorrido libre por diferentes obras da tradición ocidental, mostrando o diálogo entre a literatura, a música e as artes visuais de moi distintos tempos e lugares.
En "As terceíras mulleres", a autora amosa como as fillas de Anio, cantadas por Ovidio nas Metamorfoses, supoñen a emerxencia dunha posibilidade alternativa de concibir a relación entre os xéneros, tomada esta palabra no seu dobre sentido de "xénero sexual" e "xénero literario". A misteriosa raíña de Mallorca, o poema «Dona Flamenca» de Álvaro Cunqueiro e a canción de temática amorosa composta e interpretada por mulleres cubanas son outros dos temas sobre os que María do Cebreiro Rábade Villar reflexiona e, a carón deles, sobrancean un orixinal achegamento ao pensamento literario de Virgina Woolf ou a análise da fuxida dos discursos filosóficos e artísticos sobre o amor na sociedade contemporánea.
[Presentación editorial]