Puntuación: 1.6/5 (54 votos)
xosé Ramón Pena volve á novela para relatar arestora a historia dunha muller. Fado de princesa é un tour de force narrativo no que o autor percorre a vida dunha Madame Bovary contemporánea. Historia dun desengano e tamén crónica dunha loita por superar os prexuízos sociais, velaquí unha ollada directa, sen complexos e para alén das compracencias, sobre a vida dunha muller nos anos oitenta do século XX.
Esta nova e valente incursión narrativa de Xosé Ramón Pena é unha crónica íntima que describe abertamente os camiños que levan ao desengano e ao fracaso da relación amorosa. A novela céntrase na experiencia sentimental -e tamén social- dunha muller que contempla a súa traxectoria vital unha vez chegado o ecuador da súa vida. As esixencias e imposicións que aturan as mulleres, a hipocrisía do ambiente familiar e a loita por buscar o seu propio camiño a pesar da abafante presenza do mundo dos homes, fan de Fado de princesa unha novela con forte carga de actualidade.
Novela, polo tanto, que penetra nos recantos ocultos do devir persoal dunha muller e, asemade, narra unha xeira singular: a década dos oitenta do século XX. Narración directa, en primeira persoa, e que non elude os contrapuntos, os paradoxos da existencia, os claroscuros do devir persoal e colectivo. Pequena e grande historia na que os espazos do corazón e os espazos das relacións sociais se entrecruzan e conflúen nunha ollada directa, de ollos abertos, sen complexos e para alén das compracencias.
[Presentación editorial]