Puntuación: 1.8/5 (75 votos)
No ano 1949 sae do prelo en Bos Aires Poesía inglesa e francesa, vertida ao galego por Plácido Castro, Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán; achegábase dese xeito á lingua galega a obra dalgúns dos poetas máis importantes da literatura universal. A colección
Clásicos Universais, que Editorial Galaxia publica en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, recupera agora aquela escolma e con esta nova edición quere homenaxear aos seus tradutores. Os lectores e lectoras de hoxe poden volver gozar coa sabedoría literaria e lingüística de tres mestres da tradución que son referencia indiscutible na historia da literatura galega.
Poñer en galego poemas de escritores coma Rimbaud, Baudelaire, Mallarmé, Yeats, "Shelley ou Keats, todos eles cunha obra que é fundamental para entender a poesía de hoxe en calquera lingua, é un fito ata o de agora non repetido na historia da edición e da tradución en Galicia. Naquela altura na que moitos autores galegos, entre el es os tradutores do libro, sufrían o exilio, significou un esforzo que aínda hoxe semella ben grande pero que, sobre todo, supón teimar na capacidade do galego para tentar situarse á par de dúas das meirandes linguas literarias europeas.
Plácido Castro, Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán tamén inclúen na súa escolla poe- mas de autores hoxe tan coñecidos coma lean Cocteau, Paul Valéry ou Thomas Hardy. A corrente vizosa da poesía, do romantismo ao século XX, desde os poemas de inspiración popular aos temas clásicos, da presenza do mar á lírica pastoral, aparece magnificamente representada nesta escolma, nunha coidada edición bilingüe na que a versión galega vai acompañada dos textos orixinais en inglés e francés.
[Presentación editorial]