Puntuación: 1.6/5 (73 votos)
Nesta obra, baixo a coordinación de Belén Fortes, doce autoras galegas reflexionan sobre a relación entre as mulleres e a literatura, tomando como punto de partida varios ensaios da escritora británica.
O libro contou coa colaboración de Camiño Noia, Helena González, Luísa Villalta, Inma López Silva, Manuela Palacios, Celia M.ª Armas, M.ª Xosé Porteiro, M.ª Pilar Garcia Negro, Margarita Ledo Andión, Marilar Aleixandre, Ana Romaní e M.ª do Cebreiro Rábade Villar.
Un plantel de autoras que, coas súas aproximacións ó pensamento da autora británica, aspiran a actualizado, a pesar da súa sorprendente vixencia, dándolles unha nova dimensión ás ideas que a escritora de Bloomsbury puxo en circulación no primeiro cuarto do século pasado, e centrando a atención unha vez máis sobre un tema aínda non resolto na nosa sociedade. Un tema que, como tódolos relativos á situación da muller, preocupou dun xeito especial a unha intelectual que xa nos albores do s. XX lle brindaba ó mundo as agudas opinións que se rescatan neste volume.
Este libro pretende ser un punto de encontro aberto ás opinións destas autoras, críticas e profesoras galegas, ofrecéndolles unha plataforma na que reflexionar sobre un tema sempre tan controvertido e invitándoas a participar coas súas heteroxéneas perspectivas nun debate que semella máis aberto e latexante que nunca. O tempo dirá se para abrilo ou para pechalo definitivamente.
[presentación editorial]