Puntuación: 2.0/5 (48 votos)
Luz Pozo Garza, poeta e ensaísta, filóloga e catedrática de literatura, acaba de publicar a súa obra poética completa, co título de "Memoria solar" (Linteo, 2004) e un interesante estudo introdutorio da profesora Carmen Blanco. Nela daba a coñecerse o seu novo poemario, "As arpas de Iwerddon", que agora se ofrece aos lectores en primeira edición exenta. Luz Pozo Garza canta a Irlanda, buscando as ligazóns entre unha Eire poética, mitolóxica e tamén real, e unha Galicia propia e universal a un tempo.
A voz que nos fala nos poemas quere se converter en celebrante da fusión entre culturas atlánticas, que xa cantaron os escritores galegos desde os inicios do rexurdir contemporáneo.
Irlanda e Galicia irmánanse a través do símbolo e o misterio da poesía, esa linguaxe que os clásicos arcaicos imaxinaban canle da divinidade, e que Platón situou á beira da indagación filosófica da verdade. Sorprende o intelixente diálogo entre o profundo e o cotiá, entre o culto e o popular, a intimidade autobiográfica e o mundo exterior, a través do cal Luz Pozo Garza vai elaborando a súa poesía.
"As arpas de lwerddon" acada un dos cumios máis altos dunha xa longa andaina marcada, entre outros, por fitos como "últimas palabras/verbas derradeiras" (1976), "Concerto de outono" (1981), "Códice calixtino" (1991), "Prometo a flor de loto" (1992), "Vida secreta de Rosalía" (1996) e "Medea en Corinto" (2003).
[Lapela do libro]