Puntuación: 2.0/5 (84 votos)
O centro de Estudios Galegos da Universidade de San Petersburgo edita o noveno tomo da Antoloxía da Literatura Galega que está publicando desde o ano 1995 a cargo de Elena Zernova (seleccionadora e editora). O novo volume presenta un panorama histórico da poesía feminina galega do século XX (24 poetas, 4 poemas de cada unha). Son as poetas seguintes: María Mariño, Pura Vásquez, Luz Pozo Garza, Xoana Torres, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Luisa Villalta, Medos Romero, Isolda Santiago, Xela Arias, Ana Romaní, Helena de Carlos, Anxos Romeo, Marta Dacosta, Luisa Castro, Estíbaliz Espinosa, Olga Novo, María do Cebreiro, Emma Couceiro, Iolanda Castaño, Emma Pedreira e María Lado.
É unha edición bilingüe a cargo de Elena Zernova. Selección e notas sobre as autoras tamén dela. O volume está prologado por Helena González Fernández e leva o título COMPAÑEIRA TRISTEZA (segundo o título dun dos poemas de Pura Vásquez que figura na antoloxía). Todas as traducións están feitas especialmente para a antoloxía polos destacados poetas e tradutores de San Petersburgo.