Puntuación: 1.7/5 (74 votos)
Este libro, coordinado polo profesor Arturo Casas, márcase o obxectivo de elaborar unha achega sistemática e cohesionada sobre a Crítica no marco xeral dos Estudos literarios. Para alcanzalo, comeza por delimitar a identidade da Crítica como disciplina e por dirimir o lugar e funcións que lle corresponden en tanto actividade social, cuestións tratadas no primeiro dos seus tres bloques, “Aspectos teóricos”. No segundo e no terceiro, “A Crítica e os xéneros” e “A Crítica e o espazo interartístico”, expóñense as claves analíticas de diversos métodos crítico-literarios e efectúanse aplicacións concretas dos seus operativos sobre os arquixéneros recoñecidos polas Poéticas clásicas ou modernas (narrativa, poesía, teatro e ensaio) e sobre diferentes clases textuais ou discursivas (o diálogo, a descrición, a narración ou a argumentación, entre outras). Tamén se revisan neses percorridos problemas tan relevantes como a experiencia da lectura, a ficcionalidade ou a propia noción de xénero e as súas posibilidades tipolóxicas.
Na tarefa asumida propiciouse o estabelecemento de pontes interdisciplinarias e a apertura do espazo específico do fenómeno literario e cultural. Incorpórase así un diálogo permanente con propostas comunicativas e artísticas como a música, o cinema, distintas formas espectaculares, o hipertexto, as novas tecnoloxías, as artes plásticas, a fotografía ou a banda deseñada. Esta é unha das razóns que explican o compromiso de interdependencia perceptíbel nos dezaoito capítulos do libro, relativamente autónomos no tratamento dos temas dos que se ocupan pero atentos en todo caso a unha rede interna que conecta cun sentido moi dinámico e fecundo os plurais traxectos que se ofrecen aos lectores.
“Elementos de Crítica literaria” é un manual vinculado á ampla experiencia docente e investigadora do grupo de Teoría da literatura e Literatura comparada da Universidade de Santiago de Compostela (TLLC-USC). Dos capítulos do libro responsabilizáronse especialistas en cada un dos sectores delimitados polo coordinador, de maneira que aos panoramas de conxunto puido sumarse en cada caso un pormenorizado estado da cuestión que presenta con rigor a tradición académica e asemade achega información moi precisa sobre o rico e complexo debate actual en torno ao feito literario e cultural. Son autores da obra: Anxo Abuín González, Silvia Alonso, Fernando Cabo Aseguinolaza, Arturo Casas, Iris Cochón Otero, César Domínguez, Antonio J. Gil, María do Cebreiro Rábade Villar, Ángeles Rodríguez Fontela, Norma Rodríguez González, Iria Sobrino Freire, Teresa Vilariño Picos e Darío Villanueva.
[Presentación editorial]