Puntuación: 1.7/5 (79 votos)
Georges Orwell, nun artigo titulado "Confesións dun crítico de libros", fala ironicamente dun proceso polo cal o crítico que comeza amando os libros remata aborrecéndoos debido á sobredose analítica. Isto non parece sucederlles aos críticos teatrais galegos que, a pesar das circunstancias adversas causadas por un contexto conflitivo, seguen a exercer o seu traballo baixo a crenza romántica de que o seu discurso pode contribuír a crear cultura, a impregnar de teatro ao público e a dialogar cos artistas. E en certa maneira, de tanto crer na teoría e na ilusión dos críticos románticos anglosaxóns, parece que a crenza, por veces, se cumpre.
Dalgún xeito tamén a propia elaboración deste libro [Teatro e canonización. A crítica teatral na prensa periódica galega (1990-2000)] se debe a esa crenza e responde posibelmente a un proceso inverso ao que describe Orwell, un proceso polo cal canto máis reflexionamos sobre o teatro galego e canto máis cultivamos o exercicio da crítica, máis desexamos afondar nos mecanismos internos que rexen o noso panorama. Pero sobre todo, canto máis entendemos o que sucede nos camiños que conducen desde o maxín dos autores ata o maxín dos espectadores, mesmo dos políticos, editores ou actores, máis nos apaixonamos por ese mundo escravo e fascinante que é o teatro, especialmente o teatro en Galicia.
[Contracapa do libro]