Puntuación: 1.7/5 (73 votos)
Territorios da memoria. Xeografías soñadas. Paraísos non sempre accesibles. ¿Infernos? A cidade como referencia. Unha escolma de escritores galegos, eúscaros e cataláns (Galeusca) reflexionan, poetizan ou recrean o universo urbano, cadaquén o seu, dende cadansúa ollada, emoción, experiencia e sensibilidade.
Nacen estes textos como resultado do último Galeusca, que se celebrou en Ourense e Allariz no pasado ano 2004. Van xa dúas décadas (xuño de 1984) que a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana iniciaron estes encontros periódicos entre as tres literaturas, espazos para o coñecemento e a información mutua, para a creación e a reflexión compartida, para afondar nas cousas que nos unen, non nas que nos separan. Vinte anos afortalando solidariedade a través da palabra e do respecto pola diversidade, que é unha riqueza, nunca un problema.
Fran Alonso (Vigo), Miguel-Anxo Murado (Xerusalén), Xavier Queipo (cidades soñadas), Marga do Val (Tréveris), Marcos Valcárcel (Ourense),Jon Abril (Shanghai),Julen Gabiria (cidades que nunca existiron), David Tijero (Nova York), Urtzi Urrutikoetxea (Bilbao), Joan Agut (Santa María, de Onetti), Miquel Desclot (cidades do norte), Isidre Grau (Vinyes de Savall, trasunto de Cerdanyola del Valles)... Doce miradas diferentes. Doce construcións (deconstrucións) posibles.
O lector ten nas mans un xogo (toda literatura é un xogo) e mais unha escolma. O xogo é a propia convocatoria, estimulante, da creación literaria a partir dun espazo elixido. A escolma reúne algunhas das voces fiáis novas e interesantes das tres literaturas. Rosa Aneiros e Carlos Negro, en nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega, anfitrións do Galeusca 2004, presentan os textos e o contexto. CADERNOS GRIAL hónrase coa colaboración de todos eles.
[Presentación editorial]