Puntuación: 2.2/5 (55 votos)
Editorial Galaxia publica, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística da X unta de Galicia, a tradución para o galego de "A república dos soños", un dos cumes da obra narrativa de Nélida Piñon, escritora brasileira de orixe galega. A novela é unha homenaxe ás súas raiceiras e aprofunda na epopea da emigración galega a alén mar. Traducida ás linguas máis prestixiosas do mundo, aparece agora tamén en galego, a lingua dos pais da autora.
Os lectores e lectoras teñen nas súas mans non só un dos títulos fiáis sobranceiros de Nélida Piñon, tamén un dos fitos da narrativa brasileira contemporánea. "A república dos soños", publicada por primeira vez en 1984, obtivo o Premio da Associaçao de Críticos de Arte de Sao Paulo e o Premio Pen Clube ao mellor libro de ficción. A novela conta a historia de dous rapaces que embarcan en Vigo rumbo ao Brasil. É o ano 1913, o éxodo de emigrantes galegos acabaría por ser unha sangría de máis de millón e medio de persoas que atravesan o Atlántico á procura da súa «república dos soños».
Novela intensa e audaz, concibida coa forza tumultuosa desa enorme epopea que foi a emigración a América, Nélida Piñon escribe esta historia dunha maneira engaiolante. Todo un legado de resistencia e vontade por sobrevivir é transmitido a través dos dous protagonistas, o triunfador Madruga e o soñador Venancio. Dous xeitos de reflectir as glorias e frustracións dunha experiencia inesquecible e sempre presente na memoria de todos os galegos.
[Presentación editorial]