Puntuación: 2.0/5 (51 votos)
Entre as pegadas aínda remanentes da civilización romana no Noroeste Peninsular, sobrancean as que se refiren á rede viaria da época, paradigma dun imperio que cada vez asombra máis ós estudiosos que o investigan. As súas rutas fóronse mantendo, con máis ou menos alteracións, ata datas históricas relativamente recentes, e con elas algunhas das pontes que puideron aguanta-lo paso dos séculos e os cilindros miliarios que a deusa fortuna tivo a ben conservar, na antiga Gallaecia concretamente con evidente xenerosidade, consonte despois se verá.
Nembargantes, a partir do século vinte e con xeométrica progresión nas derradeiras décadas daquela mesma centuria, a transformación no eido das comunicacións pegou un pulo tan substancial que tanto a infinidade dos novos trazados como o ensanchamento dos preexistentes ameazaron con ir abafando calquera vestixio visible de camiño antigo. Certo que, historia testi, cada nova civilización aséntase sempre sobre as cinsas das que a precederon. Nada aconsella, nembargantes, que o arrasamento dos testemuños deba ser tal que teña que privar ás sociedades posteriores do coñecemento das achegas culturais das súas
predecesoras, pois é con tales achegas, cando son dabondo significativas e numerosas, que se conserva e transmite a memoria histórica de cada pobo dentro dunha humanidade complexa, pero cada vez máis consciente da súa unidade de orixe.
Eis, polo tanto, a urxencia de afronta-lo estudio integral da rede viaria romana do Noroeste Hispánico, dando preferencia ás inscricións e ós soportes en que foron plasmadas, trátese ou non de miliarios. Só coñecendo polo miúdo os trazados históricos e valorando debidamente os monumentos que os balizaron poderemos contribuír a que as autoridades responsables se decidan a protexelos, divulgalos e poñelos en valor.
É por iso que, no marco do proxecto internacional para a elaboración do suplemento do CIL (Hábeas Inscriptionum Latinarum), que está a levar a cabo a Academia de Berlín, xurdiu a idea de reunir nun único corpus o conxunto de miliarios e demais inscricións viarias pertencentes ós tres conventos xurídicos do noroeste hispánico, responsabilizando para esta tarefa a un de nós, do mesmo xeito que outros especialistas contraeron obrigas semellantes para cada ámbito do Imperio.
Nembargantes, e debido a eivas diversas, sobre todo de tipo económico, o devandito proxecto do CIL tense demorado máis do previsto. Foi por iso que o equipo asinante do presente traballo solicitou da Secretaría Xeral de Investigación da Xunta de Galicia, así como da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico da Consellería de Cultura, dous proxectos sucesivos de investigación para o estudio da rede de calzadas do noroeste, e ó Consello da Cultura Galega apoio científico e financeiro para a catalogación e estudio completo dos miliarios e demais inscricións viarias de Gallaecia-Asturia coa finalidade de que, unha vez publicados baixo o padroado de tan prestixiosa institución, puidesen no futuro servir de base para a súa inclusión no fascículo correspondente do tomo XVII do CIL, actualmente en elaboración.
Despois de seis anos de traballo intenso, decenas de miles de quilómetros percorridos en automóvil e a pé por lugares de tódolos carices, innúmeros calcos por contacto tomados sobre as inscricións mesmas, moreas de fotografías dos monumentos miliares e demoradas estancias en bibliotecas e arquivos de dentro e de fóra do ámbito coutado, témo-la satisfacción de presentar un traballo máis ou menos completo, que non pretende ser exhaustivo en nada, aínda que se intentou nalgúns dos aspectos, posto que un estudio demorado de cada un deles resultaría tarefa imposible en tan curto espacio de tempo.
[Fragmento da Nota dos autores]