"Cordura ou martelos e catro contos máis" é o título deste libro que tes nas mans, que sae orgulloso do prelo para mostrar os resultados dunha nova edición do Premio Ourense de Contos para a Mocidade, a vixésimo primeira. Hai nas súas páxinas, pois, moitas boas ideas, e moitos bos resultados, postos en papel por estes novos creadores e creadoras de universos literarios, que fan a lingua galega transitar por territorios que van desde o máis recóndito recuncho da nosa sociedade até o derradeiro dos espazos imaxinados pola fantasía. É unha nova oportunidade para o público lector de coñecer o que estes escritores que veñen abríndose paso con forza teñen que dicir, e para gozar cuns textos ateigados de emocións, ilusións e ganas de contar novas cousas. Os organizadores deste concurso damos os nosos parabéns a todos os premiados, e animamos a seguir adiante a todos os que non o puideron ser. Un ano máis, podemos amosar a nosa satisfacción polo resultado, que, coma sempre, non é máis que unha parte -a decidida polo xurado- da cantidade de obras interesantes presentadas; unha satisfacción producida por sabermos que en futuras edicións seguirá habendo calidade abondo que garanta unha longa vida para a nosa literatura. [Limiar do libro]