Puntuación: 1.9/5 (81 votos)
Este libro leva por título “Manoel de Oliveira”, desta maneira, se identifica, desde o principio, ao persoeiro a quen lle está dedicado. Esta publicación puido ver a luz grazas a colaboración de tres institucións: o CGAI, o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela. Foi coordinado por José María Folgar de la Calle, Xurxo González e Jaime Pena. E xusto, rematou de pasar polo prelo, o 11 de Nadal de 2004, día no que Manoel de Oliveira cumpriu o seu 96 aniversario.
O libro ten unha constitución heteroxénea xa que consta de varios textos de distintos autores. O índice comeza cunha transcrición da segunda secuencia do filme “Viagem ao Princípio do Mundo” onde Manoel de Oliveira lembra os anos que pasou internado no colexio xesuíta da Pasaxe, na Guarda. A continuación unha antiga colaboradora do director, Júlia Buisel, secretaria de rodaxe e actriz, fai unha breve lembranza de Oliveira. O seguinte texto pertence ao cineasta Víctor Erice, subliñando diversos aspectos da concepción cinematográfica do veterano cineasta luso evidenciando unha clara admiración pola súa obra e coherencia fílmica. Xurxo González fai un esforzo por estratificar en distintas etapas a obra e a vida de Oliveira ilustrando, de forma lineal, a ampla traxectoria tanto vital como artística. De seguido, aparece o texto de Santos Zunzunegui onde intenta emprazar a súa maneira de facer cinema dentro da adversidade que supón esta práctica dentro do panorama cinematográfico actual. Por último, Paulino Viota fai unha análise do filme “Os Canibais” para amosar como o estilo de Oliveira violenta a concepción clásica do cinema, revelando algunhas das súas singularidades artísticas.
Estas achegas van acompañadas por unha escolma bibliográfica e uns apéndices no que se poden atopar toda a filmografía actualizada de Oliveira e unhas completas fichas técnicas e artísticas dos seus filmes. Os distintos textos están acompañados por un atinado material gráfico: fotos do propio Oliveira e de fotogramas dos seus filmes.
[Resumo do libro]