Unha noite, vítima da súa propia covardía, Alba sente que as súas últimas forzas morren entre as botellas de alcol que guinda a un contedor. É a noite do 12 de novembro de 2002; e mentres as dúbidas e o seu enzoufado estado de ánimo a consomen por dentro, unha marea negra empeza a camiñar a grandes alancadas pola superficie do mar. Entón, Alba, bióloga nunha piscifactoría da Costa da Morte, ten que se enfrontar á cadea de lembranzas e remorsos que a acompañan, con monstros e silencios, desde a súa chegada a Lira unha década antes. A catástrofe do Mar Exeo arrincáraa da vella sombra da Alhambra, onde ecoa a voz íntima da súa avoa coma unha pantasma do pasado, e agora é a marea negra do Prestige quen ameaza con levala consigo.
"Veu visitarme o mar" é unha novela entrañable, arrebatadora, profundamente humana, onde se debate a cuestión máis transcendental: aquela que fai que a persoa se mida nunha batalla contra si mesma. [Contracapa do libro]