" Dicían das Aldaras que non medraban por causa dos enormes paxes de herba e das moitas sellas de auga que tiveran que carrexar dende ben cativas.
O que non foi impedimento para que todas soubesen afrontar, malia a súa aparente fraxilidade, unha longa vida de traballos e adversidades con coraxe.
As Aldaras, dende a primeira, que se remonta máis alá da cuarta xeración, foron vivaces, xeitosas, finas coma vimbios.
Posuían ademais unha rara peculiaridade: Voaban nos soños."
Páxina a páxina Chelo Suárez Muíños, con ton intimista, coidadísima linguaxe e primoroso estilo narrativo, vai introducindo ó lector nun universo que conxuga realismo e maxia de maneira singular.
A autora vai rememorando unha a unha, e en primeira persoa, as mulleres da súa memoria. Eran as mulleres da familia, todas con parecidas inquedanzas e que levaban o mesmo nome: Aldara.
A saga das Aldaras ten un denominador común: a mágoa por non poder estudiar malia os seus enormes desexos de aprender.
Flor de Xiz non é so un relato de cómo vivían as mulleres nunha familia galega nos sesenta primeiros anos do século XX.
Flor de Xiz é a denuncia silenciada: o berro reprimido e a destempo de todas aquelas mulleres ás que lles foron negados estudios e escola.
Chelo Suárez Muíños, observando unha a unha as partes da flor de xiz que o profesor de ciencias naturais debuxa no encerado pon diante dos nosos ollos un retrato realista do universo do mundo feminino e unha reflexión encol da vida cotiá nas escolas de nenas e a educación que recibiron as mulleres das catro últimas xeración.
Atopámonos diante duna escritora revelación que, sen dubida, vai sorprender ás lectoras e lectores e que supón unha decidida aposta da editorial Primerapersona pola literatura escrita en lingua galega. [Presentación editorial]