O propósito desta obra de Calvet é a construción dun modelo teórico que teña en conta a complexidade da dimensión esencialmente comunicativa e social das linguas. Así, para lograr ese obxectivo , o autor realiza unha defensa do carácter globalizador da ecolingüística que non é unha provincia dunha ciencia lingüística máis xenérica, senón que establece as condicións necesarias para estudar as linguas (baseándose na parella prácticas/representacións e as súas relacións co medio) na súa totalidade.
Asistimos á construción dunha teoría na que son chanzos fundamentais a proposta dun modelo gravitacional, unha análise do papel das representacións lingüísticas na evolución das linguas e unha exposición de cinco casos centrados no árabe, o kiluba, o serbocroata e as falas de Kraemer (Luisiana) e Saint Barthélemy (Antillas). [Presentación editorial]