Asia non é só un continente tamén é un mundo. Un mundo ateigado de historias que nos seducen desde sempre e para sempre. Os ciclos do bambú reúne os froitos dunha paixón, a paixón polos lugares e polos pobos dese continente, dese o Vietnam de "O exame imperial" ata o exercicio de síntese e humor que representa a "Media ducia de contos chineses".
Ao pracer de contar, Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) engádeselle a necesidade de experiencias e coñecementos novos. Nun esforzo continuo de renovación e de busca, o autoe de "Malaria sentimental" guíanos polo frenesí do Hong-Kong poscolonial e acompáñanos ata o Bombai das tétricas torres do silencio. Á procura de realidades paralelas, outros ámbitos nos que a imaxinación se sente libre e a escrita acada formas arriscadas. Coma os bambús de cana dura, as historias deste libro expándense e contráense por ciclos: os ciclos do bambú, as ondas da vida. [Presentación editorial]