Puntuación: 1.6/5 (73 votos)
O trinta de xuño de 1904, Gumersindo Busto Villanueva, un emigrante compostelán establecido en Bos Aires, a través dunha carta circular publicada na prensa latinoamericana e española, lanzaba a idea de crear en Santiago de Compostela unha Universidade Hispanoamericana dotada dunha Biblioteca Museo para difundir nesta beira do Atlántico un mellor e máis exacto coñecemento da riqueza cultural americana.
Esta idea inicial atopou numerosos apoios, pero tamén trabas importantes para ser executada na súa totalidade. Dela, finalmente, só se levou a cabo a creación da Biblioteca Museo, que cumpre este ano o seu primeiro centenario, e que engrosou os seus fondos grazas ás redes de contacto establecidas por Gumersindo Busto entre as colectividades de emigrantes españois e os sectores intelectuais e institucionais dos diferentes países americanos. Foi este un labor titánico, pero quizais o máis gratificante para o galego, xa que se viu recompensado pola extraordinaria resposta recibida.
Moitas foron, non obstante, as dificultades que dende 1904 houbo que salvar na súa terra natal ata que a Biblioteca América foi inaugurada de xeito oficial. Só o tesón e a firme vontade do seu fundador, apoiado permanentemente polo alumnado compostelán, polos bibliotecarios da Universidade e puntualmente por certas autoridades académicas e instancias políticas, conseguiron que o proxecto chegase a bo porto en 1926.
Todos estes avatares, producidos no determinado contexto histórico e cultural do tempo no que foi xestada a idea, así como os principais contidos do riquísimo acervo da Institución, son expostos nesta publicación, "Cen anos da Biblioteca América 1904-2004", que coincide ademais cunha exposición de título homónimo. A través de ambas as dúas, e logo de sortear numerosas dificultades para a súa execución, que nos traen á memoria as que padeceu Gumersindo Busto, a nosa Universidade pretende conmemorar a súa fundación e render unha homenaxe chea de agradecemento non só ao que foi o seu impulsor, senón tamén a todas as iniciativas xurdidas nos diversos países americanos, posto que sen a súa xenerosidade non sería posible a súa existencia.
O centenario da Biblioteca América celébrase ademais en feliz coincidencia con este ano dedicado aos Camiños Americanos da USC, que se viu transitado por outras actividades efectuadas en aras do estreitamento de relacións académicas e institucionais cos países do outro lado do Atlántico. Case a punto do seu peche non era posible un colofón menor que o representado pola Biblioteca América que, dende a súa creación, quixo ser precisamente a mostra real, viva e eficaz desas relacións e que, sen dúbida, debe seguir aspirando a manter ese espírito no futuro.
[Presentación de Senén Barro Ameneiro. Reitor da USC]