Puntuación: 1.9/5 (75 votos)
No terreo da literatura medieval peninsular, en prosa e mais en verso, o rei Afonso X "O Sabio" ocupa un primeirísimo posto pola importancia e amplitude da súa obra, na que as Cantigas de Santa María constitúen un título de singular relevo. Pois ben, dese corpus lírico de temática relixiosa integrado por máis de catrocentas composicións, ternos agora, no que é unha nova contribución á investigación literaria galega, un feixe de corenta e dúas cantigas recollidas neste volume de Cantigas de Loor onde o rei honra e gaba a Virxe María nunha afirmación de fe e devoción mariana.
Escritor en castelán e galego, Afonso X escolleu para a súa expresión poética (relixiosa ou profana) a lingua galego-portuguesa que xa no século XIII tiña un notable prestixio no cultivo da lírica. Velaquí aquela vella lingua nestas Cantigas de Loor que agora se presentan nunha ben coidada edición crítica, acompañada por esclarecedores comentarios aos textos que axudarán ao lector a contextualizar axeitadamente estes cantos á Virxe ás veces tan cargados de doutrina e noutras ocasións tan musicais coma calquera cantiga de amigo. Dende a publicación dos volumes de Lírica profana Galego-Portuguesa, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades está a desenvolver unha liña de investigación (nos eixes da prosa e do verso) que xa deu froitos de consideración e que hoxe dá un novo paso con estas Cantigas de Loor. Todo, ao abeiro do proxecto Arquivo Galicia Medieval, que está a realizar un importante labor de recu- peración textual actualizando, en edicións certamente exemplares, signifi- cativos textos que nos devolven, enriquecida, a nosa multisecular herdanza cultural e literaria.
O lector interesado, o profesor e o investigador teñen con esta obra unha nova oportunidade de achegarse a escritos de difícil acceso, pero fundamentais na nosa historia literaria; é dicir, textos clásicos aos que non podemos renunciar nin debemos endexamais esquecer. Os meus parabéns á profesora Elvira Fidalgo, e ao seu equipo de traballo, por esta fermosa edición que confirma unha vez máis a atención e interese do Centro Ramón Piñeiro polo que é unha das máis valiosas mostras do noso espléndido pasado literario e idiornático.
[[Presentación de Celso Currás Fernández. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria]