Puntuación: 1.6/5 (32 votos)
O tempo envellece os libros, evidencia as súas carencias e deterioro. Estamos a falar, claro, dos libros como obxectos que saen do prelo e chegan ás mans dos lectores. Algúns libros tiveron sorte de nacer arroupados coa maior pulcritude editorial, con gusto e sensibilidade estética, con fermosura tipográfica. Aínda hoxe gozamos deles e as edicións facsimilares contribúen a ampliar esa posibilidade para os lectores. Outros libros tiveron, pola contra, escasa fortuna e seguramente defraudaron ó saír publicados as ilusións do escritor que coidou e mimou aínda a súa escrita, pois a mestría e dedicación de impresores e caixistas non sempre conseguía vencer as limitacións técnicas ou os problemas económicos.
Certamente, o tempo impón a necesidade de novas perspectivas sobre os libros -e referímonos agora ó contido dos libros, á súa mensaxe- que cada época, cada xeración e ata cada lector le de forma diferente. E, nese sentido, a nova edición que de "Sulco e Vento" (1931) -poemario do ourensán Álvaro de las Casas (1901- 1950)- presenta agora o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, pode e debe satisfacer as esixencias que a actualidade demanda. Conta, para cumprir esa función, cun amplo percorrido crono-biográfico polo escritor, unha puntual e ben ordenada bibliografía, un estudo temático e estilístico do poemario editado e unha presentación dos textos feita con respecto ós orixinais con pulcritude filo1óxica. Álvaro de las Casas foi ensaísta, dramaturgo, político, historiador e colaborador de prensa, pero foi tamén recompilador da poesía popular, antólogo da poesía galega e poeta. Esta edición de "Sulco e Vento", co engadido dalgúns poemas soltos, recupera a práctica totalidade dos seus versos galegos.
[Presentación de Celso Currás Fernández. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria]