Xosé Luís Franco Grande escribe en "Os anos escuros" o seu testemuño dunha época fundamental para a cultura galega. Editorial Galaxia públicao nunha nova edición moi ampliada. Franco Grande consegue transmitir ao lector ou lectora de hoxe o pulso e o ambiente do que foi a resistencia cultural dunha xeración en plena ditadura franquista.
A renovación da Real Academia Galega, o papel de figuras como Ramón Piñeiro, Borobó e Domingo García-Sabell e a evolución do galeguismo ata a chegada da democracia son algúns dos eixos que Xosé Luís Franco Grande escolle para trazar o retrato dunha xeración e dun tempo no que a cultura serviu como fronte de resistencia fronte á represión franquista das reivindicacións de Galicia como cultura e nación con identidade de seu.
A man do poeta recoñécese na viveza coa que relata aqueles anos transcendentais. A reflexión sobre o pasado e, á par dela, a recuperación da memoria histórica fan de "Os anos escuros" un libro indispensable para enterdermos a Galicia de hoxe. Feitos e persoeiros de toda unha época xorden das páxinas deste libro no que historia, lembranzas e literatura conflúen para nos achegar parte da realidade galega do século XX nunha visión persoal e intensa. [Presentación editorial]