Puntuación: 1.7/5 (72 votos)
Coa recuperación do interesante semanario "Aires d'a Miña Terra" -unha cabeceira que rende homenaxe ao escritor e emigrante Manuel Curros Enríquez-, fundada e dirixida en Bos Aires por Manuel Nóvoa Costoya, o Centro Ramón Piñeiro, que se ocupou ata agora da prensa da nosa emigración en Cuba, prosegue esta tarefa coa atención posta en Arxentina.
Non será preciso explicar as razóns que xustifican tal atención. Pero, en calquera caso, cómpre lembrar que os nosos emigrantes naquelas terras do sur de América fundaron e publicaron máis de cento setenta cabeceiras de prensa de acordo co inventario establecido por Vicente Peña Saavedra. Certamente, dese vastísimo corpus, "Aires d'a Miña Terra" (Bos Aires, 1908-1909), de curta andaina, sobresae pola atención á literatura galega, pola riqueza informativa, polos seus prestixiosos colaboradores (Curros Enríquez, Pardo Bazán, Galo Salinas, Marcial Valladares, Labarta Pose, Sofía Casanova, Amador Montenegro, López Abente, etc.) e polo abondoso material fotográfico. Trátase, pois, dun expoñente moi representativo daquela prensa galego-arxentina e coa súa presentación aos lectores e estudosos de hoxe o Centro Ramón Piñeiro inaugura unha nova liña de traballo que debe ter e terá continuidade. De momento, os meus parabéns por esta interesante contribución ao mellor coñecemento da nosa prensa informativo-cultural da emigración.
[Presentación de Celso Currás Fernández. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria]