Puntuación: 1.9/5 (37 votos)
Última novela de Antonio Tabucchi, "Tristano morre" relata a aventura dunha época a través da voz dun personaxe agoniante. Experiencia humana do século XX que o escritor italiano, un dos máis prestixiosos da literatura europea actual, pon en clave narrativa coa mestría e a seducción xa amosada en obras a anteriores coma "Afirma Pereira", tamén publicada por Editorial Galaxia na colección Literaria.
Nalgures, nunha casa da Toscana italiana, o último agosto do século XX, ao longo dunha agonía que durará un mes enteiro, un home que combateu pola liberdad.e do seu país conta a súa vida entre a lucidez da febre e as alucionacións provocadas pola morfina. Tristano, nome tomado dun personaxe do poeta Leopardi, fai vir á cabeceira do seu leito un escritor para recoller o testemuño dunha vida que reflicte o século que está a piques de rematar.
A pregunta que percorre a novela toda, e que Tabucchi se fai sen querer responder definitivamente, é a de se unha narración pode abranguer a xeometría ambigua dunha vida: as súas contradiccións, as dúbidas, as omisións, os desexos incumpridos, as presuntas lembtanzas ou os autoenganos. O destino persoal dun heroe como Tristano, cargado simultaneamente de esperanza e desespero, de xenerosidade e amargura, achega o lector ou lectora a un fresco de sesenta anos da historia de Italia e de Europa, coas súas traxedias e falsos pasos adiante, ata a irrupción do derradeiro episodio de tiranía: a farsa televisiva.
[Presentación editorial]