Puntuación: 1.8/5 (48 votos)
"As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. Representación poética e ficción literaria" gañou o VI Premio "Dámaso Alonso" de Investigación Filolóxica convocado pola Universidade de Santiago, O Concello de Ribadeo e o Grupo Voz.
O propósito desta investigación é ensaiar unha teoría das antoloxías poéticas no contexto literario peninsular, e máis especificamente nas comunidades galega e catalana. O eixo do traballo será a idea de representación estreitamente vinculada cos estudios sobre a ficción literaria, pero pouco aducida na bibliografía sobre o fenómeno antolóxico. A escolma de poesía segue a ser, en boa medida, obxecto de achegamentos restrictivos, que acentúan o seu carácter de "depósito textual", o seu potencial canonizador ou a denuncia da súa dependencia con respecto ás demandas do mercado, preterindo dimensións máis activas e non menos reais que as converten en vehículos idóneos para a transmisión e producción de ideas literarias.
A eleción dun ámbito de análise comparativa pretende subliñar, ademais, a capacidade do fenómeno antolóxico para abrir vías de diálogo entre as culturas e propoñer modelos de entendemento das identidades xeopolíticas. A fin de asegurarlle ó traballo un fundamento empírico, partimos de dous contextos específicos, o galego e o catalán, que comparten non poucos trazos análóxicos, pero que, debido ás súas características diferenciais, permiten tamén salvar o risco do paralelismo e da mera xustaposición.
[Fragmento da Introducción]