Puntuación: 1.7/5 (70 votos)
Unha análise do pasado, o presente e o futuro dunha das festas tradicionais máis significativas da cidade de Ourense. Textos do volume a cargo de Clodio González, Héctor Silveiro, Rosa Lamas, J. Luis Méndez e Xavier Paz. A escolma de textos de prensa inclúe artigos de Vicente Risco, Xosé R. Fernández Oxea Ben-Cho-Sei, Ramón Otero Pedrayo, Juan Luis Ramos, Florentino L. Cuevillas, Amadeo Varela, Blanco Guerra, José Paz, X. Antón Fidalgo Santamariña, Seixo-Albo, José Antonio Tarrío, Enrique Bande, Francisco J. Espino e Jaime Noguerol.
Edición para o Concello de Ourense, dentro da súa colección Auria.
En 1917, os promotores do periódico O Tío Marcos d’a Portela institucionalizaron o concurso de maios na cidade de Ourense, e deste xeito deron o pulo definitivo á celebración da festa. Case un século despois, no ano 2004, foi convocado en Ourense o Foro dos Maios, para reflexionar sobre o pasado, o presente e o futuro desta celebración tradicional.
Este libro preséntase como o seu primeiro resultado. Inclúense nel os textos das conferencias e a mesa redonda desenvolvidas nese foro, e ademais un anexo con documentación que comeza cunha ampla bibliografía, continúa cunha entrevista inédita sobre o tema a don Xoaquín Lourenzo e cunha escolma de artigos publicados en prensa entre 1877 e 2000, e finaliza cunha selección de coplas publicadas ao longo do século XX. O libro vai ilustrado cunha selección de fotografías históricas, moitas delas inéditas, que documentan a festa na cidade.
Un resumo necesario das opinións vertidas até hoxe sobre a Festa dos Maios, que os editores confían en que sirva para a revitalización da mesma, e para que ocupe novamente o lugar de honra que merece.
[Presentación editorial]