Puntuación: 1.8/5 (30 votos)
Este traballo pretende debuxar un panorama xeral da presencia da muller na arte galega desde 1858 -ano da primeira Exposición Rexional Galega na que participa unha muller na sección de Belas Artes-, ate o ano 1936, atendendo fundamentalmente a tres aspectos: educación artística, participación en ex- posicións e crítica artística.
Trátase de demostrar a existencia de producción artística feminina e de dar a coñecer os seus nomes, de sacalas do anonimato, facendo revivir a estas mulleres silenciadas e silenciosas que con enormes dificultades lograron dedicarse á práctica artística, aínda que fose de forma amateur, salientando tamén as difíciles condicións nas que levaron a cabo a súa tarefa.
Apenas catro ou cinco nomes de muller -María Corredoira, Elvira Santiso, Elena Olmos, Dolores Díaz Baliño-, alcanzaron o estatuto de pintoras e tiveron certo eco no limitado ambiente pictórico galego do momento. As críticas na prensa da época, algúns galardóns, ademais de encargos, dan testemuño da súa aceptable carreira. Pero malia seren eloxiadas no seu tempo, na maioría dos casos, a súa obra foi posteriormente esquecida. ¿Paga a pena facer emerxer a experiencia das mulleres nun eido da realidade tan masculino como é o mundo da arte na Galicia decimonónica? Se cadra a experiencia dun grupo de mulleres como o que aquí se expón non sexa relevante para a corrente de coñecemento elaborada maioritariamente desde a perspectiva androcéntrica dominante. Pero trátase de contribuír á reelaboración dunha memoria social coherente que non prescinda das mulleres e que mellore e complete o noso coñecemento da realidade histórica.
[Contracapa da libro]